Facebook
Twitter
Suscríbete

II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida

José María Failde (primeiro pola esquerda) é director de planificación do Campus da Auga e secretario da SGXX

(Víctor Sariego, 18/09/2017).- A Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar Termatalia chega esta semana á súa 17ª edición convertida, tal e como salientan os seus organizadores, en “punto de referencia internacional para o negocio no turismo termal, de saúde e de benestar”.

Deste xeito, contará coa participación de 260 expositores, 30 operadores de turismo e 40 países representados, con destacada presenza de América Latina e Europa e incorporando tamén a Asia-Pacífico. A faciana científica da cita, que se celebrará en Expourense os días 21 e 22 de setembro, chegará da man da celebración de xeito paralelo nela do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, organizado no marco do Campus da Auga os días 20 e 21 de setembro.

Termatalia, que nesta ocasión ten a México como país convidado, foi presentada este luns nun acto no que participaron Marisol Díaz, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial e Alejandro Rubín, director de Termatalia.

Tamén contou coa presenza de José María Faílde, director de Planificación do Campus da Auga e a súa vez, secretario da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) polo que os intereses deste sector estarán ben representados neste foro.

Todos eles coincidiron en destacar o papel da colaboración interinstitucional e da cooperación público-privada á hora de organizar este proxecto que quere situar a Ourense e a Galicia como centros de capacitación profesional e negocio a nivel internacional. Tamén estiveron de acordo en situar ao turismo de saúde como unha das puntas de lanza do desenvolvemento económico e turístico tanto de Ourense como de Galicia no seu conxunto.

A transferencia de coñecemento

Co obxectivo de complementar o carácter profesional de Termatalia, o II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida preséntase como un foro de encontro de arredor de 200 profesionais e investigadores relacionados co eido do termalismo que quere fomentar a transferencia de coñecemento e estimular o contacto entre os diferentes axentes do sector.

O simposio, que se celebra con carácter bianual, está liderado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e conta na súa organización coa participación do Concello e da Deputación Provincial de Ourense e da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense Expourense.

O programa desta segunda edición estrutúrase arredor de tres áreas temáticas prioritarias, como son a caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais; o patrimonio e arquitectura termal e o turismo experiencial e de saúde en termalismo.

A este tres áreas úneselle unha cuarta de carácter xenérico, de investigación xeral sobre a auga relacionada co enfoque do simposio. Arredor dos catro eixes desenvolveranse arredor de 36 comunicacións orais de investigadores, dúas sesións de comunicacións de póster e dúas sesións de 16 paneis nos que se presentarán tanto traballos académicos como innovacións e novas experiencias en termalismo. Tamén se levarán a cabo tres talleres, un centrado nas potencialidades que ten para Galicia o enoturismo e termalismo; outro sobre as aplicacións en dermocosmética das augas termais e outro sobre peloterapia corporal.