en Actividades e Congresos

O Presidente da SGXX e Director do GIG da UDC, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, presidirán o venres, 10 de maio, ás 12.00 horas, a inauguración do XXV Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que terá lugar no Salón de Actos do Edificio Universitario de Oza. Este encontro, que se desenvolverá ao longo do venres 10 e o sábado 11 de maio, está organizado pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, presidida polo Catedrático de Xerontoloxía Clínica e Social e director do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da UDC José Millán Calenti, que preside tamén o Comité Organizador. Na organización colabora tamén a Facultade de Ciencias da Saúde e conta co patrocinio de diferentes entidades.

A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría aglutina a case 400 socios e leva 25 anos de traxectoria tratando de sensibilizar á sociedade sobre a importancia de coñecer o fenómeno do envellecemento, tanto desde o punto de vista sociodemográfico como da consecución dunha boa saúde. O eixo central desta edición do congreso, para a que se elixiu a cidade da Coruña, será a investigación, desenvolvemento e innovación en xerontoloxía e xeriatría. Os obxectivos do programa científico son dar a coñecer as principais liñas e proxectos de investigación en relación co envellecemento desenvolvidos en Galicia, así como os principais consorcios de ámbito internacional establecidos. Tamén se pretende poñer en valor a I+D+i como elemento fundamental no crecemento socio-económico e outorgarlle unha perspectiva internacional ao encontro.

Programa
O programa científico do congreso contará con relatorios e sesións simultáneas, entre as que destaca a conferencia plenaria que ofrecerá ás 10.00 horas no salón de actos a catedrática de Fisioloxía da Universidade Complutense de Madrid Mónica de la Fuente. O relatorio, titulado Avances e perspectiva de futuro na investigación do envellecemento, será presentado polo catedrático de Enfermaría Xeriátrica da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel Mayán Santos.

A continuación, a partir das 10.45 horas, desenvolveranse as comunicacións orais clínicas e as presentacións póster, que se celebrarán simultáneamente no salón de actos e na aula magna. Tras o acto oficial de inauguración, ás 12.00 horas, celebrarase no salón de actos unha mesa redonda sobre I+D+i na rede hospitalaria galega: calidade de vida e envellecemento, moderada por Raimundo Mateos, profesor de Psiquiatría da USC e responsable da Unidade de Psicoxeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Participarán nesta sesión Carlos Rodríguez Pascual, xefe do servizo de Xeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; Fernando Veiga, xefe do servizo de Xeriatría do Hospital Universitario Lucus Augusti (Lugo); José Castillo, director científico do Instituto de Investigación Sanitaria do CHUS, e Francisco Blanco, director da Plataforma Proteómica do Instituto de Investigación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

A xornada de mañá concluirá cun obradoiro sobre selección e validez de instrumentos de avaliación cognitiva en persoas maiores, e pola tarde, a partir das 16.00 horas, celebrarase unha mesa redonda sobre I+D+i en universidades: liñas de traballo en xerontoloxía e xeriatría. A sesión estará moderada por Mª Dolores Monteagudo González, profesora de Anátomo-Fisioloxía e coordinadora científica do Posgrao en Xerontoloxía da Universidade Fernando Pessoa (Portugal). Participarán como relatores Fernando Díaz Fernández, director do Grupo de Investigación en Neurociencia Cognitiva da USC; José Mª. Cancela Carral, director do Grupo de Investigación HealthyFit e profesor da Universidade de Vigo; Stella António, docente do Instituto Superior de Ciencias Sociais e Políticas da Universidade Técnica de Lisboa, e Ana Maseda Rodríguez, do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña.

A continuación celebraranse novos obradoiros, presentacións póster e unha conferencia plenaria a cargo do relator Božidar Voljč, director de Xerontoloxía Médica-Instituto Anton Trstenjak (Eslovenia), e vicepresidente da Área de Saúde da Plataforma Europea de Envellecemento (AGE Platform) en Bruxelas. O relatorio, que será presentado por Ana Maseda, do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da UDC, levará por título Quality of life of old people: a European perspective.

Nas xornadas de tarde, tras as comunicacións orais clínicas, celebrarase a partir das 18.45 horas unha nova mesa redonda sobre I+D+i e entidades presentadoras de servizos sociocomunitarios, moderada polo profesor da USC Manuel Gandoy. Participarán Javier López, director xeral da Fundación Barrié; José Javier Yanguas, director de Polo Innovación-Envejecimiento, do Instituto Gerontológico Matía (Donosti), e José Manuel Pazos Seco, subdirector xeral técnico de Geriatros.

Xa na xornada do sábado, 11 de maio, tras as comunicacións orais celebraranse diversas mesas redondas paralelas ao longo de toda a mañá nas que se tratarán temas como as novas tecnoloxías e servizos en xerontoloxía e xeriatría, servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención a persoas en situación de dependencia, manexo dos síndromes xeriátricos en atención primaria, así como epidemioloxía e factores de risco vinculados ao envellecemento. Entre os relatores figura o profesor José C. Millán Calenti, que presentará os resultados do seu proxecto de investigación denominado Telexerontoloxía.

Finalmente, ás 13.15 horas terá lugar a conferencia de clausura, a cargo de Javier Cudeiro, catedrático de Fisioloxía da UDC, que falará sobre Envellecemento: caídas e reeducación funcional. O relatorio será presentado polo médico de Atención Primaria da Estrada Mario López Martínez. Ás 13.45 horas celebrarase o acto de clausura e entrega de premios. A organización establece un premio de 600 euros e dous accésits con diploma acreditativo para cada unha das modalidades de presentación de comunicación (oral social e oral clínica). No caso dos pósteres o premio será de 400 euros e dous accésits con diploma acreditativo.

Artículos recientes