en Actualidade

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2016.

A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) ven de solicitar colaboración á Xunta para desenvolver un estudo en Galicia, sobre a imaxe das persoas maiores na sociedade, coa finalidade de diagnosticar e saber cal é a situación do colectivo senior na Comunidade Galega.

Unha proposta que o presidente da SGXX, Miguel Ángel Vázquez e o presidente do Comité Organizador do Congreso deste ano da entidade, Carlos Dosil, plantexaron ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez que os recibiron para que lles presentaran o seu XXVIII Congreso que se vai celebrar na Deputación de Lugo os vindeiros 22 e 23 de abril.

A investigación, que sería totalmente pioneira, a primeira do Estado no seu ámbito, tendría a finalidade de “artellar todos os programas necesarios para acadar unha imaxe real e xusta sobre as persoas maiores galegas coa que defender de maneira verdadeira e real os seus dereitos” segundo explicou Vázquez que matizou que “o concepto que se ten das persoas maiores na actualidade é tremendamente distorsionada, errónea e cargada de estereotipos en todos os ámbitos o que limita a participación social do colectivo de maiores e o seu propio envellecemento activo, un dereito que non so se refire á actividade física, senon tamén ás posibilidades de formación, da sanidade, lecer e desenvolvemento persoal entre outros”.

Vázquez subliñou que “cando unha sociedade ve as súas persoas maiores como enfermas, pobres, solitarias ou case ata parvas polo único feito de ser vellas, estas non participan da sociedade e teñen os seus dereitos moi limitados”.

 

Congreso internacional

Vázquez informou ao conselleiro e o xerente do Consorcio que o XXVIII Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría se celebrará en Lugo os días 22 e 23 de abril e que por vez primeira terá carácter internacional. Ao fío disto, Rey Varela lembraba “o firme compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da calidade de vida das persoas que máis o precisan”. Unha implicación, subliñou que “se ten plasmado coa colaboración da Administración Autonómica na organización dos congresos da SGXX en pasadas edicións”, e que se repetirá, afirmou no vindeiro mes logo de que o titular de Política Social confirmase aos responsables da SGXX a intención de colaborar de novo no evento deste ano. De feito, o conselleiro clausurará o foro na xornada do sábado 23 de abril.

Presidente de la SGXX y Presidente del XXVIII Congreso Internacional de la SGXX en entrevista

De esquerda a dereita: O conselleiro de Politica Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela; o presidente do Comité Organizador do XXVIII Congreso da SGXX, Carlos Dosil; o presidente da SGXX, Miguel Angel Vázquez.

O presidente da SGXX confirmaba ademáis a participación no congreso de máis  de 300 profesionais de recoñecido prestixio de España, Portugal, Paraguai ou Chile, entre outros. Un evento, explicou, que permitirá debater e expoñer os últimos retos, novidades e avances “non so no sector científico e médico, é dicir, xeriátrico” senón tamén, matizou “no ámbito sociolóxico, social, persoal como é a xerontoloxía e que servirá ademais, para darlle pulo aos avances, experiencias, contidos e novidades máis relevantes que se producen en Galicia no labor das persoas maiores” tento en conta, engadiu o presidente do Comité Organizador,  Carlos Dosil,  que “falamos dunha das comunidades máis envellecidas do mundo, a quinta de toda Europa” indicando que un dos obxectivos do congreso “é aproveitar a oportunidade científica, médica e social que representa para profesionais e as propias persoas maiores -as que invitan a acudir e presentar as súas inquedanzas- e, sobre todo, para traballar na procura dunha maior calidade de vida deste colectivo”. Dosil concluiu que este é “un dos congresos máis importantes do seu ámbito que se vai celebrar en Galicia”  e no que destacados profesionais do sector aproveitarán para presentar en máis de trinta mesas e talleres científicos, médicos e sociais, os principais avances e novidades da xeriatría e a xerontoloxía que se está a desenvolver en Galicia, España e o resto do mundo.

Artículos recientes
Convocatoria anual das Becas, Bolsas e Premios da SGXX