en Actualidade

O 21 de setembro é a data elixida pola Organización Mundial da Saúde e a Federación Internacional de Alzheimer para homenaxear a todos os que padecen os efectos da enfermidade de Alzheimer, tanto por presentala eles mesmos coma por ter un caso no seu ámbito máis próximo. Ademais, esta data ha de servir para dar a coñecer a enfermidade á vez que sensibilizar a poboación, institucións e organismos oficiais, das necesidades que presenta este colectivo, que inclúe o paciente e o coidador, sexa da rede familiar, sexa profesional.

De acordo ás cifras manexadas polo INE de cara ao 2012 a poboación galega está en claro descenso pero cada vez máis envellecida. Na actualidade somos 2.795.422 galegos/ás (IGE, 2011), dos cales 629.477 teñen máis de 65 anos (22,52%) e 93.599 máis de 85 (3,35%); é dicir, do total de maiores de 65 anos, case o 15% teñen máis de 85 anos (o 65% son mulleres) coas consecuencias físicas e/ou funcionais que o devandito envellecemento leva consigo.

Por outro lado, a nosa esperanza de vida ao nacer, de acordo aos últimos datos dispoñibles superaba lixeiramente os 82 anos (82,2), sendo para as mulleres (85,6 anos) case 7 anos máis elevada que para os homes (76,8 anos). Sinalar que a esperanza de vida aos 80 anos aínda é de 10,8 anos para as mulleres e de 8,8 anos para os varóns; é dicir, a probabilidade de superar os 80 anos é grande e máis se se é muller.

A Enfermidade de Alzheimer, dentro das enfermidades neurodexenerativas, é a demencia máis frecuente, comezando a súa historia cando un psiquiatra alemán, Alois Alzheimer publicou un estudio sobre unha paciente que presentaba desorientación e alucinacións e en cuxo cerebro se descubriron estruturas anómalas que denominadas nobelos neurofibrilares e placas senís, eran indicativas de neurodegeneración.

No ano 2008, faleceron en Galicia diagnosticadas desta enfermidade 625 persoas (176 homes e 449 mulleres), cifra que non é máis que a punta do iceberg, xa que os estudos|estudios actuais constatan que entre o 6 e o 10% das persoas maiores de 65 anos padecen a enfermidade; é dicir, estamos a falar de entre 31.500 e 63.000 persoas en Galicia, unha verdadeira «epidemia» á que sen dúbida habería que poñer máis atención, non unicamente por mellorar a calidade de vida dos enfermos, senón polas grandes repercusións que presenta sobre o seu ámbito máis inmediato e, indubidablemente, sobre a administración, sobre a base da provisión de recursos especializados e o custo socio-económico da enfermidade.

Tendo en conta o envellecemento da poboación e o previsible incremento da incidencia e a prevalencia da enfermidade, aínda que existen diferentes iniciativas que tratan de afrontar o problema unha vez diagnosticado, quizais se debería de incidir máis na instauración de medidas dirixidas á prevención e ao diagnóstico precoz, xa que ademais de resultar máis económicas son as que mellor resultado xerarían a longo prazo.

En canto á prevención, aínda non coñecendo exactamente a causa da enfermidade, se sabemos da existencia de determinados factores de risco e/ou estilos de vida que van incrementar a posibilidade de padecela como son: o hábito tabáquico, a vida sedentaria, os trastornos depresivos, a hipertensión arterial, a obesidade e a diabete. A eles engadiriamos o baixo nivel de instrución, xa que se demostrou que aquelas persoas cun maior nivel educativo afrontan mellor o envellecemento sobre a base da denominada «reserva cognitiva».

Por outro lado, o diagnóstico precoz da enfermidade na denominada fase preclínica, cando se iniciou o dano cerebral e antes de que a sintomatoloxía se faga evidente, permitiría planificar a longo prazo tanto a intervención sobre o paciente coma o apoio á familia. Neste sentido, faise fundamental o papel dos profesionais de atención primaria que ante calquera sospeita de alteración de memoria ou doutras áreas cognitivas deberían poñer en marcha os protocolos de detección axeitados, sabendo que unha porcentaxe elevada de pacientes con deterioración cognitiva leve desenvolvesen demencia. Significar que segundo algúns estudios, é posible que máis do 40% dos enfermos de Alzheimer non estean diagnosticados e que cando se chega ao diagnóstico, na maioría dos casos, a enfermidade leva evolucionando máis dun ano.

José C. Millán Calenti
Presidente
Sociedade Galega Xerontología e Xeriatria

Artículos recientes

Empieza a escribir y presiona "Intro" para buscar