en Actividades e Congresos, Actualidade

Un momento da reunión na sede de Política Social da Xunta, en San Caetano

(Santiago de Compostela, 11/05/2018).- O conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, mantivo o pasado venres 11 de mayo unha reunión no seu despacho de San Caetano con representantes da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), entre eles o vicepresidente da entidade e presidente do Comité Organizador do XXX Congreso Internacional da entidade, Javier Pérez Martín.  Esta entidade aglutina a máis de 400 profesionais de múltiples disciplinas que traballan no ámbito científico, sanitario e social relacionado coas persoas maiores e teñen como claves fundamentais a asistencia universal e integral, a intervención interdisciplinar e mellorar a calidade de vida da persoa e da súa contorna familiar.

Benestar das persoas maiores

Durante o encontro, Rey Varela recoñeceu o labor dos profesionais relacionados coa atención, tanto médica como social, das persoas maiores, posto que son, dixo, «unha peza fundamental para garantir o benestar dos maiores cos que traballan cada día e, polo tanto, son os que mellor coñecen as súas necesidades e ofrecen unha diagnose axustada da situación dos mesmos». No transcurso da reunión o conselleiro trasladou que a Xunta colaborará un ano máis na celebración do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía, que cumpre a súa trixésima edición e que terá lugar os vindeiros 1 e 2 de xuño na sede Afundación de Vigo baixo o título de ‘Lonxevidade. Análise e propostas para unha sociedade de futuro’.

O conselleiro salientou que o Goberno galego «está a traballar de maneira transversal na promoción dunha vida adulta activa a través dunha estratexia que responde a catro eixos fundamentais: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades». Así mesmo, Varela referiuse á consolidación do sistema autonómico de atención coa ampliación do número de beneficiarios no mesmo, pasando dos 14.000 usuarios en 2009 aos máis de 55.000 na actualidade.

O titular de Política Social reiterou o «firme compromiso da Xunta de Galicia en continuar avanzando na mellora da calidade de vida das persoas maiores, en especial daqueles que viven soas ou teñen a súa autonomía persoal limitada». Un obxectivo cuxo cumprimento pasa, asegurou, «por continuar afondando na coordinación sociosanitaria, xuntar forzas entre profesionais e administración e aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar a atención». Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia incrementou nun 10% os recursos económicos dirixidos aos maiores e ás persoas con discapacidade, chegando aos 414 millóns de euros.

Máis información sobre o XXX Congreso da SGXX neste enlace.

Recommended Posts