(Nota de prensa)
A SGXX propón que se reforce a inmunidade das persoas Maiores que viven en residencias cunha terceira dose de vacina debido á súa inmunosenescencia.
(Vigo, 27 de agosto de 2021).Tras a reunión extraordinaria da Xunta Directiva celebrada onte, a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía alerta de que a situación nas residencias de persoas maiores en Galicia está lonxe de estabilizarse, e esta quinta onda pode ocasionar máis mortes. Xa hai varios centros con persoas infectadas, as cifras ascenden a 121 casos.
Segundo datos do Goberno de España, entre o 09/08/21 e o 15/08/21 faleceron 148 persoas por COVID en Residencias de persoas Maiores (datos actualizados ao 15 de agosto de 2021), cun evolutivo en incremento mantido.
Ante esta situación, propoñemos implementar coa maior urxencia unha serie de medidas que poidan limitar os contagios e evitar máis mortes innecesarias:
- A administración inmediata da terceira dose da vacina contra o coronavirus entre as persoas Maiores que viven en residencias en todos os casos en que transcorresen seis meses despois da segunda dose, especialmente entre as persoas maiores de 80 anos (a media de idade en residencias en Galicia é de 84,5 anos) dada a inmunodepresión secundaria ( Inmunosenescencia) á idade.
A partir dos 55 anos comeza a inmunosenescencia, é dicir, “o envellecemento do noso sistema inmunitario, de maneira que somos máis susceptibles a enfermidades infecciosas”, segundo a responsable do Grupo de Vacinas da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia ( SEMG).
Non consideramos oportunas as accións que suxiren as autoridades sanitarias que propoñen realizar estudos de inmunidade, que poden levar á morte a moitas persoas Maiores. En todo caso, estas accións deberán ser paralelas á revacunación con terceira dose. As evidencias de mortes (máis de 148 persoas ata o 15 de agosto) por COVID en residencias son máis que suficientes para considerar que a caída na inmunización é a causa do seu falecemento; ademais do feito de que durante o primeiros seis meses de resposta á vacinación non falecían persoas Maiores por COVID nestes centros.
Países como EEUU, Alemaña, Italia, Grecia, Israel, Francia ou o Reino Unido han decidido inocular a terceira dose a inmunodeprimidos e maiores de 60 anos.
- Evacuación con urxencia de todos os casos positivos nos centros residenciais nos que non hai recursos adecuados para illamento (especialmente nos pequenos ou naqueles sen persoal sanitario) polo elevado risco de contaxio, en tanto non se forneza a terceira dose.
- Cribaxe semanal mediante PCR (pooling) de todos os traballadores de xeriátricos. Na actualidade faise pooling quincenal e test de antígenos semanal (o test de antígenos ten menor sensibilidade e require presenza de síntomas, o que non permite unha detección precoz da enfermidade e por tanto non evita os contagios).
- Suxerimos a esixencia de certificado de vacinación para as visitas ás residencias, ben sexan familiares ou traballadores/as alleos á mesma.
- Recomendamos a vacinación de todos os/as traballadores/as das residencias de persoas Maiores dado o risco de dano vital pola inmunosenescencia que implica inmunodepresión nos usuarios dos centros residenciais xeriátricos.
*Datos oficiais sobre o avance da COVID en: https://www.imserso.es/InterPresent1/groups/imserso/documents/binario/inf_resid_20210815.pdf
Santiago de Compostela. Xunta Directiva da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.