en Actualidade

A SGXX advirte que en época de crise os maiores son o colectivo máis desfavorecido.

Solidariedade interxeracional e envellecemento activo tanto individual coma institucional son as principais ferramentas para afrontar a revolucionaria estrutura demográfica que se prevé.
Segundo o INE a poboación galega encóntrase en claro descenso en canto ao número, pero cada vez máis envellecida. En Galicia residen 2.795.422 galegos e galegas (IGE, 2011) dos que 629.477 teñen máis de 65 anos (o 22,5 por cento) e 93.599 máis de 85 anos (o 3,35 por cento). É dicir, do total de maiores de 65 anos, case o 15 por cento supera os 85 anos (o 65 por cento son mulleres) coas consecuencias físicas e funcionais que leva consigo o envellecemento do envellecemento, sobre todo na Comunidade Galega, España e países máis desenvolvidos.
Un fenómeno no que o descenso da mortalidade, unha menor fecundidade, os avances sanitarios e tecnolóxicos e a tendencia ao retorno dos emigrantes maiores están a xerar un envellecemento nunca antes coñecido, con esperanzas de vida ao nacer que alcanzan os 84 anos de media en Francia e os 83 en España (a segunda do continente e unha das máis altas do planeta de acordo aos datos de Eurostat, 2009) e cuxo crecemento se vai acelerar a partir de 2025 chegando aos 15 millóns de persoas maiores de 65 anos en España (INE), é dicir, o 32 por cento da poboación.
Cara a 2045 empezarase a perder poboación cun declive demográfico no que nin os nacementos nin a inmigración compensarán as defuncións. A iso hai que sumar que o crecemento dos octoxenarios se producirá a un ritmo maior que o do resto de grupos de poboación. Se na actualidade son 2 ´ 3 millóns en España (INE) despois de multiplicarse por 19 dende principios de século XX, en 2050 chegarán aos 5 ´ 6 millóns (previsión do INE).
No devandito contexto o colectivo de persoas maiores xera novas demandas, necesidades e expectativas que na actualidade non se están a atender debidamente, dando lugar a consecuencias propias da falta de atención, como son a perda de capacidade funcional e a entrada en situacións de dependencia, por outro lado prevenibles e con posibilidades de actuación, se se detectarán máis precozmente.
Un colectivo, o das persoas maiores, que precisamente e debido á crise e a este continuado envellecemento da sociedade, sobre todo a galega, necesita do máximo apoio e atención socio sanitario específica e especializada polo que os programas, servizos e actividades de entidades e Administración sobre o Envellecemento Activo, están máis que xustificados e han de poñerse en valor máis que nunca.
Camiñar individual e colectivamente cara a un novo envellecemento, que sexa activo, con sentido positivo, digno e saudable; apoiar as novas tecnoloxías e canalizar novas fórmulas de educación e formación sociosanitaria para a atención xeriátrica e xerontolóxica son os tres módulos básicos para afrontar as consecuencias do devandito envellecemento que a SGXX leva defendendo dende a súa fundación hai 24 anos.
É unha situación sen precedentes, un fenómeno absolutamente novo; non obstante, unha boa noticia en teoría, posto que supón vivir máis e mellor, alónganse as expectativas de vida e de ocio pero, advertindo que é necesario transmitir que estamos ante unha sociedade envellecida para que o fenómeno sexa visto como algo realmente positivo.
Isto require cambios moi profundos, empezando por un novo modelo de persoas maiores, máis activo e participativo socialmente, no que a sociedade perciba de forma diferente a vellez, liberada da xerontofobia e o culto obsesivo á xuventude. Ademais, a sociedade en xeral ten que prepararse para este cambio e debe entender que ten de ‘bóenvellecer’, deixando espazo cultural, social, artístico, laboral, etc. aos maiores. En definitiva un envellecemento activo no que, con crise ou sen ela, os nosos maiores sexan parte imprescindible do seu ámbito.

Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

Artigos recentes