A Xunta recoñece o labor do profesionariado sociosanitario no benestar das persoas maiores

 In Actividades e Congresos, Actualidade

Un momento da reunión na sede de Política Social da Xunta, en San Caetano

(Santiago de Compostela, 11/05/2018).- O conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, mantivo o pasado venres 11 de mayo unha reunión no seu despacho de San Caetano con representantes da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), entre eles o vicepresidente da entidade e presidente do Comité Organizador do XXX Congreso Internacional da entidade, Javier Pérez Martín.  Esta entidade aglutina a máis de 400 profesionais de múltiples disciplinas que traballan no ámbito científico, sanitario e social relacionado coas persoas maiores e teñen como claves fundamentais a asistencia universal e integral, a intervención interdisciplinar e mellorar a calidade de vida da persoa e da súa contorna familiar.

Benestar das persoas maiores

Durante o encontro, Rey Varela recoñeceu o labor dos profesionais relacionados coa atención, tanto médica como social, das persoas maiores, posto que son, dixo, “unha peza fundamental para garantir o benestar dos maiores cos que traballan cada día e, polo tanto, son os que mellor coñecen as súas necesidades e ofrecen unha diagnose axustada da situación dos mesmos”. No transcurso da reunión o conselleiro trasladou que a Xunta colaborará un ano máis na celebración do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía, que cumpre a súa trixésima edición e que terá lugar os vindeiros 1 e 2 de xuño na sede Afundación de Vigo baixo o título de ‘Lonxevidade. Análise e propostas para unha sociedade de futuro’.

O conselleiro salientou que o Goberno galego “está a traballar de maneira transversal na promoción dunha vida adulta activa a través dunha estratexia que responde a catro eixos fundamentais: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades”. Así mesmo, Varela referiuse á consolidación do sistema autonómico de atención coa ampliación do número de beneficiarios no mesmo, pasando dos 14.000 usuarios en 2009 aos máis de 55.000 na actualidade.

O titular de Política Social reiterou o “firme compromiso da Xunta de Galicia en continuar avanzando na mellora da calidade de vida das persoas maiores, en especial daqueles que viven soas ou teñen a súa autonomía persoal limitada”. Un obxectivo cuxo cumprimento pasa, asegurou, “por continuar afondando na coordinación sociosanitaria, xuntar forzas entre profesionais e administración e aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar a atención”. Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia incrementou nun 10% os recursos económicos dirixidos aos maiores e ás persoas con discapacidade, chegando aos 414 millóns de euros.

Máis información sobre o XXX Congreso da SGXX neste enlace.

Recommended Posts
Contact Us

We're not around right now. But you can send us an email and we'll get back to you, asap.

Start typing and press Enter to search