en Actualidade, Envejecimiento saludable, Prensa

A Área Sanitaria de Vigo, a Universidade de Vigo e a Sociedade Galega de Xeriatría asinaron hoxe un acordo de colaboración para a promoción do envellecemento saudable e a prevención e tratamento da soidade non desexada en persoas maiores

Vigo, 22 de xaneiro de 2024. O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), José Mª Failde, asinaron un acordo de colaboración para a promoción do envellecemento saudable e a prevención e tratamento da soidade non desexada en persoas maiores.

Trátase de establecer unha colaboración para abordar de modo conxunto unha  investigación neste ámbito, sobre todo na detección, a prevención e o tratamento da soidade non desexada coa finalidade de minimizar o seu impacto na saúde dos nosos maiores.

Polo tanto, o obxecto do Acordo é definir e organizar o conxunto de accións relacionadas co coñecemento da situación das persoas maiores de 75 anos en situación de Soidade Non Desexada e planificar o conxunto de accións preventivas para garantir uns parámetros de saúde adaptados ás súas necesidades. Ademais, tamén se vai promover a coordinación de todos os axentes implicados a nivel comunitario para abordaxe deste fenómeno social e establecer un protocolo de cooperación interinstitucional no eido da saúde.

Programa piloto Centros de saúde

Para realizar esta investigación, coordinada a través do servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo, vaise desenvolver un programa piloto nos centros de saúde de A Cañiza, A Guarda, Val Miñor, Moaña e Ponteareas.

O proxecto consiste na identificación das principais problemáticas dos maiores de referencia neses centros de saúde, co obxectivo de avaliar resultados e implementar esta metodoloxía de acción comunitaria en todos os centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo.

O Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo comprométese proporcionar, de xeito anónimo, á Universidade de Vigo e á Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía datos relativos ás características socio-demográficas e clínicas de persoas maiores, de cara a identificar factores de risco e causas da Soidade Non Desexada, así como factores vinculados co envellecemento saudable e a lonxevidade.

Pola súa banda, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e a Universidade de Vigo comprométense a proporcionar o asesoramento técnico e metodolóxico para a análise de datos, de cara a traducir os resultados de investigación en mellora da calidade de vida das persoas maiores.

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Os obxectivos e tarefas do presente acordo están aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Neste senso, o envellecemento afecta a cada un dos Obxectivos do Desenvolvemento como son a erradicación da pobreza, a eliminación da fame, ou acadar  unhas cidades e asentamentos humanos inclusivos, seguros, resilientes e sostibles. Así mesmo, tamén se está a desenvolver unha estratexia nacional para combater a soidade non desexada, que afecta de modo especial ás persoas maiores.

Por isto, ante a necesidade de promover e coordinar actividades para a prevención e promoción de saúde nas persoas maiores e considerando que a Soidade Non Desexada está identificada como un dos principais problemas de saúde, decidiuse formalizar este Acordo de colaboración.

Artigos recentes
Portada libro de Actas del 32 Congreso de la SGXX que recoje las ponencias científicas del eventoacto de presentación congreso Consellería de Política Social